Saltar ao contido principal

Publicacións

O polbo Simón

Hoxe foi a súa presentación en sociedade. Miramos todos cara alí e vimos un fermoso polbo cuns ollos verdes enormes que nos observaba sentado felizmente na súa cadeira. Simón chegou para quedarse, para acompañarnos, para animarnos a ler e a aprender. E a primeira mensaxe que nos mandou foi para dicirnos que lle chegara unha rarísima invitación con letras que non puido comprender. Simón pide axuda e nós todos estamos dispostos a darlla. Ou non é así? Simón, conta connosco!

Novos axentes, nova enerxía

Estamos de volta despois de moito tempo. A biblioteca do colexio segue a necesitar do noso cariño e por iso imos poñer todas as nosas enerxías nela neste ano que comeza. Moita enerxía é a que teñen os 10 axentes de biblioteca que empezarán a colaborar a partires da próxima semana. As súas primeiras funcións serán axudar na colocación de libros e na xestión dos empréstimos e as devolucións. Xa temos preparadas as súas acreditacións. Cada día da semana haberá dous axentes durante o tempo de recreo, é dicir, entre as once e media e as doce menos cuarto.

Grazas, detectives

Rematamos curso e rematamos tamén o concurso de detectives que estivemos a realizar durante os últimos meses aproveitando o libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press. Publicamos dúas historias con 11 capítulos cada unha. E recibimos un total de 215 respostas ás preguntas coas que remataba cada un dos capítulos. Moitos nenos e nenas achegáronse durante estas semanas para pedirnos que o concurso se prolongase no vindeiro curso. E así o faremos.  Agora chega un tempo de desconexión, e agardemos que tamén de inspiración para imaxinar e deseñar novas actividades de dinamización da biblioteca escolar. Vémonos en setembro. Saúdos!

O primeiro caso está resolto

Xa quedou resolto o primeiro caso das aventuras deses catro rapaces que se deron en chamar "A man negra". Os detectives da semana durante estes once capítulos foron: Antía Recarey Xerome Vence (2) Marta Morgade (2) Elisa Tourís Diego Poza Martina Jueguen Claudia Maneiro e Alba Barreiro Olalla Otero Martiño Pérez Ánimo porque agora, e ata final de curso, iremos co segundo caso. Trátase dun roubo nunha casa. Temos que atopar os ladróns. Estade atentos aos capítulos que iremos colocando no taboeiro da biblioteca.

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.

Un atlas para pasar a tarde

Hai libros que entran de tal xeito polos ollos que poderiamos estar toda a tarde pasando páxinas para adiante e para atrás, mirando abraiados os seus debuxos. O Atlas do Mundo de Aleksandra Mizielinska e Daniel Mizielinski, editado por Maeva, é un destes marabillosos libros. En 27 cm de ancho e 37 cm de alto, máis de 100 páxinas a cores, poderemos atopar mapas ilustrados dunha chea de países con exemplos da súa fauna, flora, costumes, persoas famosas, etc. Con este libro non só podes aprender senón que tamén permite xogar, por exemplo, a buscar animais por parellas, averiguar bandeiras, etc.  Merece a pena que lle botedes unha ollada. Estamos seguros de que vos vai encantar.